Entrevista aos autores

Se queres coñecer mellor aos autores desta historia e saber como a fixeron, aquí tes unha entrevista con eles.

1- Con que personaxe te sintes máis identificado?

ABRAHAM: É dificil, mais, quizais con Centulo, aínda que sexa un personaxe secundario. Vexoo unha persoa libre, que disfruta e vive con moita intensidade o que fai. Quítalle dramatismo ás cousas coa súa maneira de falar e iso de traballar en equipo está moi ben. E que sexa da Arousa tamén me gusta, é un punto ao seu favor.

MATIES: É unha pregunta dificil de responder. Os personaxes conteñen partículas que nacen de min, das distintas formas de ser e de pensar. Compleméntanse entre eles, de forma positiva, axudándose, colaborando ou por oposición, como os roles antagónicos dos personaxes Mr Virus e os seus sequaces, o Director do colexio…Costa escoller a un, síntome un pouco pai e nai deles e sería feo quedarme con un. Si podería dicir que teño máis simpatía por Xoeliki, Ari, Barbabranca, Centulo, Iván o Bucaneiro…

2 -De que maneira influíron os debuxos á hora de escribir?

MATIES: Penso que hai unhas influencias máis conscientes que outras. Está claro que ver os personaxes debuxados axudoume a imaxinalos de forma máis vívida, máis animados, cunha personalidade máis definida e sensible. O proceso de creación dos personaxes foi unha mezcla entre a abstracción literaria e a concreción do debuxo. Doutro modo, penso que foi fundamental relacionar a historia co estilo de debuxo que atopou Abraham, unha forma de representar a realidade con toques fantásticos, entrañables e algo tolos, como é el. Este estilo axudoume a atopar o ton narrativo e a imaxinar a historia dunha forma máis clara.

E que influencia tivo o texto nos debuxos?

ABRAHAM: Bastante, xa que axuda a imaxinarse os escenarios, e as  personalidades dos personaxes que inflúen no seu aspecto gráfico…aínda que penso que está todo bastante misturado, o texto bebe dos debuxos e ao revés.

3- Que ten de realidade e de ficción a historia?

ABRAHAM: Pode haber algo de ficción, como podería ser o da porta de Tanahusser, mais, a maior parte da historia é realidade. Hai moitas mans negras que queren controlar o mundo e a Internet, e hai xente, chamada pirata,  que intenta que non sexa así. Non é nada novo, todo esto xa pasaba nos séculos pasados. Simplemente mudou o medio.

MATIES: Home, as relacións entre ficción e realidade son moi estreitas. Moitas veces os límites confúndense. As ficcións, as historias, os contos, tamén serven para falar de realidades habitualmente ocultas, excluídas ou censuradas. O arte e a ficción axúdanos a ver as cousas dende un punto de vista própio, subxectivo, crítico, e danos a posibilidade máxica de recrear mundos ao noso antoxo. Non direi que elementos teñen máis ficción, mais, si direi que a reivindicación da cultura e o software libre é algo que rebasa os límites entre realidade e ficción: implícanos diariamente. Internet é un medio fantástico para comunicarnos libremente e sería terrible que deixara de selo.

4- Como valoras a experiencia de facer un libro entre dous?

ABRAHAM: Moi positiva, é como ter unha parella, aínda que as veces tes formas distintas de ver as cousas ou de enfocar a historia, sempre se soluciona e se chegan a acordos, falando. Ademáis sempre axuda ter outra persoa ao lado para decidir sobre un personaxe ou un punto concreto da historia. Sempre van ben os diferentes puntos de vista para mellorar o traballo.

MATIES: A experiencia foi xenial! Penso que os dous nos enriquecimos das aportacións e as críticas do outro. Claro, houbo momentos nos que un non estaba conforme co que fixera o outro e tocaba repetir as cousas…De primeiras pode parecer un fastidio, xa que seguramente ti xa o dabas por bó, mais, no fondo sabes que aínda que leve máis traballo estás a facer unha obra colaborativa, dialogada, máis elaborada, con máis riqueza de matices. É importante destacar que non traballamos de forma separada, Abraham facendo as ilustracións e o deseño, e eu, escribindo a historia, aínda que cada un fora o artífice dos diferentes aspectos do libro, estabamos implicados e colaborabamos como podíamos no traballo do outro.

5- Houbo algún atranco durante a creación da historia?

ABRAHAM: O que máis recordo foron algunhas partes nas que Maties quería darlle máis dramatismo á historia ou a algún personaxe, e eu menos, pero despois de atrancarnos uns días, arranxámolo. Outro atranco foi algún debuxo que a Maties non lle convencía e tiven que repetilo varias veces. Tamén recordo bastante dura a parte final, non dábamos atopado unha fórmula para rematar a historia que nos convencera aos dous.

MATIES: Penso que o que máis costa sempre é pechar as historias. Non é dificil ter un bó inicio. É máis complicado avanzar nunha historia longa e que todo evolucione de forma fluida e ben construida. E o máis complicado é que esa historia se peche dunha forma natural, coherente e sen frustrar ao lector polas expectativas creadas. É o momento no que as pezas que fuches xuntando teñen que aguantar e non derrubarse coma un castelo de naipes nin facer augas coma un barco furado. Se aguanta, xa podes mirar toda a historia xunta e xa estás preto de acabala. A nosa historia facía augas, non pechaba ben. Tiñamos moitos elementos soltos porque a historia que estaba nas nosas cabezas ía moito máis alá, xa que seguimos desenrolándoa para facer novos libros, e iso complicábanos o final. Tiñamos que acertar e resolver ese primeiro libro sen desvelar misterios que aínda están por resolver nos seguintes…mais tiñamos claro que este libro -de momento, o primeiro e único da serie!- tiña que ter un bó final. Despois duns días de crise atopamos a fórmula que nos convenceu. Espero que tamén vos convenza!

6- Que foi o que máis che gustou de facer este proxecto?

ABRAHAM: Todo o que aprendín de novas tecnoloxias, de informática…e darlle vida a unha historia e a uns personaxes xunto cunha persoa que lle teño un aprecio especial, como é Maties.

MATIES: Uff! Hai que escoller? ghe, ghe, ghe. Todo o proxecto! Foron varios meses de traballo, e é un pracer velo rematado. Foi moi enriquecedor. Creativamente encheume moito. É un pracer imaxinar proxectos fantásticos e levalos a realidade. Unha das cousas que máis me gustan de proxectos coma este é todo o que aprendes durante o proceso, sobretodo se traballas con outras persoas e non o fas só. Ademáis este proxecto tiña o reto de ter un sitio web, unha rede social própia, unha animación ligada ao libro…moitos retos que nos fixo aprender moito. Penso que, dalgún xeito, tamén nós éramos uns aprendices como Xoeliki e os seus compañeiros da Escola Pirata. Para superarmos os retos e conseguir chegar á meta foi fundamental facer a carreira con Abraham, un tipo fortachón que pode con todo.

7- Que importancia tivo a Internet no proceso de creación do libro?

ABRAHAM: Moita. Eu vivo en Vigo e Maties en Barcelona e agora no Brasil, así que sen as novas tecnoloxías este proxecto sería imposible. Fixemos todo o libro e discutimos a través da Internet, por e-mails, chateando… Só na parte final xuntámonos unha semana para rematar todo.

MATIES: Este libro non se houbera feito sen a Internet. Ou sería moi diferente. Traballamos a distancia case todo o proxecto. Enviámonos centos de emails! Tamén o uso do chat e documentos online compartidos que podíamos editar os dous cando nos petara, foron moi importantes. Ademáis entendimos dende o principio que o libro non era só o obxecto de papel, senon que tamén implicaba elementos de extensión 2.0, na rede. E dicir, tanto a historia como o libro están estreitamente ligados á Internet. O libro acábase na última páxina, mais, o mundo e a historia creada continúan na Internet.

8- Que futuro cres que terán os libros de papel na súa disputa cos ebooks e outros soportes dixitáis?

ABRAHAM: Non o vexo como unha disputa, penso que convivirán todas as formas. Os ebooks véxolle un futuro tremendo por todas as prestacións que teñen, e por poder ter mil libros nun obxecto pequeno, mais, no mundo do libro infantil, sobretodo, penso que o papel seguirá porque os nenos precisan tocar, cheirar a tinta, romper follas…igual que precisan ensuciarse xogando coa  terra, algo que non a substitue unha consola.

MATIES: Dubido que desaparezan. O pracer e a comodidade de ler un libro de papel é algo que non se substitue de calquera maneira, por máis innovación que haxa. A lectura de ebooks nos soportes dixitais -como os e-readers- aínda nos é un pouco estraña, mais, ofrece unhas posibilidades enormes e ten un futuro por explorar. A posibilidade de acceder a milleiros de libros que tan só ocupan uns megabytes de información pode ser un avance asombroso para o acceso ao coñecemento e a cultura. Tamén as posibilidades expresivas que permiten os soportes dixitais poden ser moi potentes: incluir videos, sons, músicas, animacións, enlaces con outros contidos na Internet…Están por explorar novas formas de ciberliteratura multimedia, interactiva e en rede. Sen dúbida, aínda que sexa en librerías, de libros vellos, sempre poderemos atopar un libro de papel e meternos dentro das historias sen a necesidade de baterías nen enchufes á corrente.

Compárteo nas redes sociais! / Comparteix-ho a les xarxes socials!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


*