Entrevista a Abraham Carreiro na web dioivo.eu por Montse Dopico

Fonte orixinal: http://www.dioivo.eu/creacion/1171-unha-sociedade-amedrentada-e-moi-manexable

“Unha sociedade amedrentada é moi manexable”

Abraham Carreiro e Maties Segura publicaron da man de Sotelo Blanco a segunda parte das aventuras do ciberpirata Xoeliki, un mociño disposto a meterse en leas por salvagardar a liberdade en internet. Unha historia moi actual, coa loita contra a censura de fondo. Falamos con Carreiro, creador da parte gráfica desta novela.

Non só ilustraches a historia de Maties. En realidade, os dous creastes o relato, discutistes sobre el.. Como foi o proceso, tendo en conta que vivides bastante lonxe?

Maties e máis eu coñecémonos de vivir xuntos en Barcelona. Eu tiña na cabeza a idea de facer unha historia sobre ciberpiratas, un tema que lle gusta moito a Maties. Nunha das miñas visitas a Barcelona quedamos e comenteille o proxecto. Pareceulle moi ben, e esa tarde xurdiron cantidade de ideas para avanzar na historia. Logo, a Internet tivo unha importancia fundamental para manter unha comunicación fluída dende a distancia. Primeiro definimos os personaxes principais, acordamos por onde queríamos levar o argumento e fixemos un esquelete base, dividido en capítulos. Maties encargábase de escribir e desenvolver cada capítulo, enviabamo e discutiámolo. Ao facer eu a tradución ao galego estaba moi metido no texto. Os diálogos dos personaxes, por cuestión do idioma e de experiencia, tamén eran máis cousa miña. Pasamos algún atranco, mais foi divertido.

Es o creador das ilustracións do libro e tamén das da web. Nun libro que continúa en internet, nas redes sociais.. Como coordinaches todos eses elementos gráficos?

Partindo dun punto en común: a Internet e os videoxogos. Era importante que todo o aspecto gráfico da historia mergullase aos lectores e as lectoras nese mundo. A portada do libro semella a caixa dun videoxogo, o logotipo de Xoeliki son letras formadas por píxeles, a videochamada de Estrela ten aspecto de webcam, os números dos capítulos recordan ás tipografías de videoxogos dos 80, os chats e as ferramentas de usuari@ son semellantes aos da web, igual que os avatares dos personaxes que falan polo chat…

O libro ten moito que ver con clásicos da ciencia ficción. E, no caso das ilustracións, parece que hai influencias do cinema do xénero. É así? Cales son?

Aínda que hai algunha, como ‘A Guerra da Galaxias’, ‘2001. Odisea no espazo’, ‘Matrix’ ou tamén do cinema negro de gansters, as influencias veñen máis do mundo do cómic de ciencia-ficción, moi relacionado co cinema. Moitos debuxantes deseñan os vestiarios, os escenarios ou os obxectos para este tipo de películas. No xénero da ciencia-ficción aprendín moito de Mezieres, debuxante de ‘Valerian’, e da película ‘O Quinto elemento’, do debuxante xaponés Otomo, autor de ‘Akira’ e ‘Pesadelos’, de Moebius e do underground americano.

Non hai máis cor que branco, negro e azul. Por iso, o xogo de sombras é moi importante para dar expresividade ao debuxo ou para representar, por exemplo, a noite. Foi a sombra un dos teus principais recursos? (Xunto coa composición do debuxo en varios planos)

Sempre me gustaron moito os debuxos en branco e negro con sombras, igual que o cinema negro e policial e, neste libro, as sombras, están moi presentes, mais non para encher a falta de cor. A iluminación, igual que no cinema, axuda a transmitir mellor as sensacións como o medo, a calma… Normalmente, a escuridade dá medo e produce tensión, por iso, no Grande Apagamento, unha época moi escura, utilicei tantas sombras. Como dis, outro recurso foi a composición en varios planos. Este tipo de composicións produce un desequilibrio na ilustración que transmite unha sensación de inseguridade e perigo que vai moi ben neste tipo de historias. E con ela, tamén consegues expresar máis cousas nun só debuxo.

O que nos conta ‘Xoeliki’ non é só unha historia de loita pola liberdade en internet. É unha metáfora contra a censura, e contra o intento por parte do Estado de controlar o pensamento dos cidadáns. Ti definirías así a historia, ou doutro xeito?

É unha boa definición. Non pretendemos adoutrinar nin facer de Xoeliki un panfleto, pero si plasmar de forma máis ou menos visible a realidade que nós vivimos, a través dos personaxes e o mundo que os rodea. Os medios clásicos como a televisión, a prensa e a radio, están en mans do poder, polo que a manipulación e a censura é moi doada. Coa aparición da Internet, un medio de divulgación masivo e instantáneo, e no que apenas é necesario o diñeiro, isto cambia. O control informativo e das comunicacións, escápalle das mans ao poder. Por iso intentan lexislar e censurar máis este medio. Tamén engadiría que Xoeliki é unha metáfora en contra da propiedade intelectual e das patentes, do sistema educativo actual, e un reclamo á cooperación e á transmisión do coñecemento polo ben común.

Ao mesmo tempo é unha metáfora da utilización do medo para impedir a liberdade de pensamento controlando internet coa escusa de protexer a xente dos seus aspectos negativos. É así?

É. A utilización do medo forma parte da nosa sociedade. Medo a perder o traballo, medo a un ataque nuclear, medo a perder a casa, medo a saír a rúa, medo a perder un ollo nunha manifestación… Unha sociedade amedrentada é moi manexable. O medo bloquea. Tamén dá moita lexitimidade. Protexéndonos dun remoto ataque de armas de destrución masiva, masacran Iraq e Afganistán con total impunidade. E no caso da Internet, non hai interese en educar á xente para que explore, explote e descubra todo o que nos pode dar a Rede de forma segura e consciente. Iso sería unha ameaza.

Xoeliki descobre cousas novas neste segundo libro. Por exemplo, sabe da relación que tivo seu pai con Mr Virus. Tentaches reflectir dalgún xeito no debuxo esa evolución do propio personaxe?

Non. Cambiou algunha cousa, pero pola evolución do debuxo e da historia, non pola personalidade de Xoeliki. Aínda que hai casos, sobre todo nos EE.UU,  nos que se van cambiando a imaxe, normalmente os personaxes mantéñense intactos co paso do tempo. Por exemplo, Tintín segue igual despois de 80 anos, ou Asterix e Obelix, ou Os Simpson…

Cales son os teus personaxes favoritos? Por que?

É difícil. Gústame moito Centulo, por varios motivos. Un deles é porque comparto a intensidade coa que goza a vida. Tamén porque fala con seseo e gheada. É o único personaxe da historia que ten un lugar de nacemento, a illa de Arousa. E o seu nome é un saínte da illa de Ons, chamado Punta Centulo, que me gusta moito. Seguramente é o personaxe máis persoal. Logo, tamén me gusta a inxenuidade de Xoeliki, o carácter botado para adiante de Ari, a maldade e o cinismo que ten Mr. Virus, aínda que non o comparta, o punto tolo e infantil que ten o vello de Barbabranca…

Cara ás últimas partes do libro, a acción intensifícase, e hai necesidade de escenas máis dramáticas, que representas con perspectivas máis diagonais. Como as concibiches?

Para as posturas dos personaxes, imaxino e represento a escena case coma se fose un actor de teatro. Os movementos teñen que ser cribles e o máis naturais posibles para que a escena colla forza. As veces, tamén compoño as escenas con xoguetes, para imaxinalas mellor.

Compárteo nas redes sociais! / Comparteix-ho a les xarxes socials!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


*